• Inicio
  • entradas
  • Visita á Casa Grande de Xanceda, Mesía e a Área Recreativa de Visantoña

Visita á Casa Grande de Xanceda, Mesía e a Área Recreativa de Visantoña

 Os alumnos de 6º de Educación Primaria xunto aos alumnos da aula verde de Educación Especial, visitaron no día de hoxe a Casa Grande de Xanceda. Esta granxa situada no concello de Mesía, traballa dende hai 40 anos na produción de leite; dende hai 10 traballa con certificado de produtos ecolóxicos e dende hai 4 anos fai un iogur ecolóxico  0% que moitos dos rapaces xa coñecían dalgúns supermercados da zona onde viven. Ademais conta con numerosos atractivos que comentaremos:
 

Ás 9:15 da mañá partimos do noso colexio camiño de Xanceda. Hora e media de autobús e chegada á granxa no medio dunha paraxe case idílica onde a natureza mestura prados extensos e coidados, ausencia de contaminación, ríos e animais; moitos animais. 
 
Comezamos nunha sala coa proxección dun vídeo introdutorio onde se facía un percorrido polo mundo da agricultura ecolóxica, dos beneficios desta para a saúde – fundamentalmente nos alimentos –  e dos procesos que se levan a cabo na granxa.
 

Dividimos en dous grupos con cadansúa monitora, abandonamos a sala para comezar a visita polos diferentes e abondosos lugares da granxa. Así no Eco Zoo os alumnos puideron ter contacto directo cos animais: cabras, ovellas, ponis, porcos e galiñas … Na Eco Horta vimos os prados e os lugares de plantación máis importantes da granxa onde se alberga un invernadoiro.

Moi entretido resultou o Vaca Rodeo, onde puideron facer carreiras de mini tractores ademais de gozar doutros atractivos.
 
No Mini Establo puideron darlle o biberón aos becerros e ver outras vacas máis maiores. Ao mesmo tempo rastrexaron a palla para achegala ao lugar onde comen as vacas simulando o traballo dos gandeiros.
 
Nos diferentes  desprazamentos podían ollar o extenso terreo que as preto de 400 vacas teñen para o proveito así como o coidado dos prados onde non existen os famosos pesticidas e todo se traballa en base a unha agricultura ecolóxica e saudable. 
 
 
O percorrido proseguiu polo resto de establos ata chegar ao lugar onde se realizan os iogures e demais produtos lácteos da Casa Grande de Xanceda. Tras unha breve explicación regresaron á sala inicial e degustaron os iogures. Ademais recibiron algún agasallo de recordo. 
 
Xa para concluír os que quixeron visitaron a Tenda onde se poden adquirir calquera dos produtos da granxa. Todo isto nun enclave único a carón da Casa Grande de Xanceda, unha casa do século XIII.   
 
Coa tristura de ter que marchar e deixando a granxa atrás, dirixímonos a área recreativa das Brañas de Valga en Visantoña, concello de Mesía. Esta área, a tan só 7km da granxa, agardábanos con outro enclave fermoso e extenso. Neste lugar había unha antiga barreira da que se extraía barro para a elaboración de tellas e ladrillos. Agora rehabilitouse nunha fermosa lagoa onde existen diferentes especies de flora e fauna. Hoxe por hoxe é un lugar de esparexemento e ocio. Nel atópanse tamén as Aulas de Natureza e o Museo Etnográfico ademais do Local Social, un parque infantil e un parque biosaludable. Todo cinguido con extensos sendeiros que percorren o contorno do lugar e un merendeiro onde fixemos o xantar do día.
 
A carón estaba o campo de fútbol do Vilasantar, un campo de herba sintética onde os nenos puideron xogar ao fútbol.
 

Para rematar este día redondo onde ata o tempo acompañou recibimos a visita do escritor e músico Baldomero Iglesias ao que os nenos, que previamente traballaran as súas letras e músicas, puideron facer preguntas e deixar un retracto para o recordo. Agradecemos esta visita que nos fai e a súa xenerosidade con todos nós.
Xa ás 17:00h chegamos ao noso cole co cansazo de costume pero tamén coa sensación de voar neste día cargado de atractivos e emocións. Esta era a primeira vez que os alumnos do noso colexio visitaban A Casa Grande de Xanceda e dende logo que non será a derradeira polo bo sabor que nos deixou.
 
 
     
     
     

{jcomments on}

6 Ed.Primaria, Axenda21, Ciencias, Curso 14/15, Salida Cultural, Voz Natura